Caída

Información do libro:

  • Título: Caída
  • Autor/a: Suso Bahamonde
  • Editorial: M Editora
  • Sinopse: Este que agora arde nas túas mans coma un incendio, co lume –purificador en tantas culturas- que devora e que cura, é o novo libro de Suso Bahamonde. No oficio ao que o autor se entregara nos días e nas noites de Compostela, os últimos anos do pasado século, acada agora categoría de artesán maior, con poemas de formas estremadas. O autor xa nos deu dous libros máis. O primeiro, Óxido nas flores da tarde, xorde na época compostelá, entre viños e conversas, e nel un Suso moi noviño e bukowskián desátase nun conxuro contra a realidade, sempre contraria do desexo, e deixa ver, xa, un pouco do fulgor que agora nos deslumbra. Tamén nos descobre a súa paixón polo cinema, que dende entón será unha constante no seu discurso. Tanto no cinema coma na música e na literatura, el sabe facer boas amizades, imprescindibles para aturar a travesía. Despois de anos de silencio o Suso convocounos para un segundo libro, Expansión, un canto épico onde o heroe loita por termar de todo canto ama nun conflito co tempo, e sentencia “Non hai nada seguro”. Tamén hai política dentro de Expansión, e denuncia dos horrores da historia. Hai moito tempo que coñezo a Suso. Eu lin o romance A estrada, de Cormac McCarthy, lectura que el mesmo me recomendou, e sei que o Suso camiña por páramos queimados, mais leva lume no interior. E iso aflora nos seus versos O poeta non acouga porque necesita a beleza. E desa necesidade xorden obras como Caída. Téñolle aprezo á súa poesía anterior, pero opino que é aquí,en Caída, onde a voz do poeta é máis demoledora, e mostra o Suso Bahamonde máis íntimo, pois é ao mesmo corazón da escuridade onde nos leva este experto na ciencia dos abismos: tempestade urbana, coñecemento profundo do amor e da dor, paixón pola vida, inda que nos fira, arrogancia romántica, son a materia dun canto vital construído con poderosas imaxes. Non hai febleza neste libro. Fascíname a súa escrita, que é como pedra traballada co esforzo e coa vontade. Esas cousas son doadas para un deus, ou algo así dixera o Rilke. Mais o artesán ten que tallar a pedra ata acadar a forma que precisa. Fan falta máis libros coma este que nos abraien coa verdade núa da vida consciente; fan falta máis artesáns coma Suso contra os tempos escuros que nos asedien. “Que todo arda”, di o poeta pé do precipicio contemplando a derrota. Fala de si mesmo e de nós. E a nós só nos queda darlle a beizón por esta experiencia do mundo, por este fulgor que nos ilumina. Xaime Trillo

Empregamos cookies propias e de terceiros, analizando os seus hábitos de navegación na páxina web, coa finalidade de garantir a calidade, seguridade e mellora dos servizos ofrecidos a través da mesma. Nos casos en que o usuario non manifeste expresamente se acepta ou non a instalación das cookies, pero continúe utilizando a páxina web, entenderase que éste dá o seu consentimento, informándolle expresamente da posibilidade de bloquear ou eliminar as cookies instaladas no seu equipo mediante a configuración das opcións do navegador. Pode obter máis información na nosa Política de privacidade e Política de cookies. Ver a Política de cookies